Otero Sestelo, Ernestina Elena
(Redondela,
Pontevedra, 1890- Pontevedra 1956.

Fixo os seus estudos
de primeiro ensino na vila natal e os de Mestra Elemental e Superior
de Pontevedra, que finalizou no 1908. En Madrid ingresou na Escola de
Estudos Superiores do Maxisterio e obtivo o título de Mestra Normal
na segunda promoción (1910-1913), na Sección de Ciencias. Casou en
1914 con Luís Pereira Míguez, farmacéutico de Redondela. A partir
de 1915 exerceu a docencia na Escola Normal de Pontevedra e en tempos
da República ocupou a Dirección durante algún tempo e presidiu o
Consello Provincial de Primeiro Ensino (1930-1935). Foi unha das
pioneiras na formación superior das e dos docentes que saíron
daquel centro de Estudos Superiores, con grande formación humanista,
vencellada á filosofía da Institución Libre de Enseñanza. Tiña
un concepto diferente da educación e unha concepción da escola
rural moi centrado en Galicia; as súas aulas, con interesantes
iniciativas postas en práctica na época republicana, era novidosa e
distinta, segundo testemuña dun alumno seu, Herminio Barreiro.
Moitas das actividades innovadoras proviñan do estilo educativo en
que se formara e que despois tratou de transmitir ao alumnado da
Escola Normal de Pontevedra, como a colaboración coas Cantinas e
Roupeiros Escolares, o fomento da coeducación e da asistencia á
escola, a utilización de campos agrícolas experimentais, as
excursións de carácter instructivo que realizaba ( a Cerámica
Celta, Pontecesures, por exemplo, en 1933). Esta liña renovadora,
unida á súa adhesión ao Manifiesto dos Intelectuais galegos a
favor do Estatuto de Autonomía para Galicia e a presenza no Consello
Provincial de Primeiro Ensino, acarretou que, a seguir do
levantamento militar, tamén a alcanzase a onda depuradora: en
novembro de 1936 foi suspendida de emprego e salario e, en xuño de
1937, foi separada do servizo e causou baixa no escalofón. Revisado
o expediente dous anos máis tarde, anulouse a separaciòn definitiva
e foi sancionada con suspensión de emprego e salario por dous anos,
inhabilitación para cargos directivos e de confianza e traslado á
Escola Normal de Ourense. Durante dez anos impartiu docencia neste
centro e en 1951 voltou a Pontevedra onde exerceu ata a súa morte.