sábado, 14 de marzo de 2026

Otero Sestelo, Ernestina Elena

 

Otero Sestelo, Ernestina Elena

(Redondela, Pontevedra, 1890- Pontevedra 1956.



Fixo os seus estudos de primeiro ensino na vila natal e os de Mestra Elemental e Superior de Pontevedra, que finalizou no 1908. En Madrid ingresou na Escola de Estudos Superiores do Maxisterio e obtivo o título de Mestra Normal na segunda promoción (1910-1913), na Sección de Ciencias. Casou en 1914 con Luís Pereira Míguez, farmacéutico de Redondela. A partir de 1915 exerceu a docencia na Escola Normal de Pontevedra e en tempos da República ocupou a Dirección durante algún tempo e presidiu o Consello Provincial de Primeiro Ensino (1930-1935). Foi unha das pioneiras na formación superior das e dos docentes que saíron daquel centro de Estudos Superiores, con grande formación humanista, vencellada á filosofía da Institución Libre de Enseñanza. Tiña un concepto diferente da educación e unha concepción da escola rural moi centrado en Galicia; as súas aulas, con interesantes iniciativas postas en práctica na época republicana, era novidosa e distinta, segundo testemuña dun alumno seu, Herminio Barreiro. Moitas das actividades innovadoras proviñan do estilo educativo en que se formara e que despois tratou de transmitir ao alumnado da Escola Normal de Pontevedra, como a colaboración coas Cantinas e Roupeiros Escolares, o fomento da coeducación e da asistencia á escola, a utilización de campos agrícolas experimentais, as excursións de carácter instructivo que realizaba ( a Cerámica Celta, Pontecesures, por exemplo, en 1933). Esta liña renovadora, unida á súa adhesión ao Manifiesto dos Intelectuais galegos a favor do Estatuto de Autonomía para Galicia e a presenza no Consello Provincial de Primeiro Ensino, acarretou que, a seguir do levantamento militar, tamén a alcanzase a onda depuradora: en novembro de 1936 foi suspendida de emprego e salario e, en xuño de 1937, foi separada do servizo e causou baixa no escalofón. Revisado o expediente dous anos máis tarde, anulouse a separaciòn definitiva e foi sancionada con suspensión de emprego e salario por dous anos, inhabilitación para cargos directivos e de confianza e traslado á Escola Normal de Ourense. Durante dez anos impartiu docencia neste centro e en 1951 voltou a Pontevedra onde exerceu ata a súa morte.

No hay comentarios:

Publicar un comentario