"DICCIONARIO DE MULLERES GALEGAS" de Aurora Marco (Edicións A Nosa Terra).
ALFAYA LÓPEZ, María de la Concepción.
Pontevedresa. Estudou Maxisterio na Escola de Estudos Superiores do
Maxisterio de Madrid, a onde se transladaron moitas galegas e galegos
nas primeiras décadas do século XX. Perteneceu á primeira
promoción (1909-1912), sección Letras, e a memoria fin de carreira
que presentou ( un proxecto de investigación que pouco se
diferenciaba das teses de doutoramento defendidas nas facultades)
institulouse:”Influencia del medio social en la evolución mental
de los escolares”, dirixida por Anastasio Anselmo González y
Fernandez. Pertenceu ao Centro de Estudios Históricos, primeiro
ensaio da “Junta para Ampliación de Estudios” en traballos de
investigación. O labor investigador do CEH estivo protagonizado
polas distintas seccións en que se dividiu. Concepción Alfaya
traballou na de Metodoloxía da Historia, dirixida por Rafael
Altamira, que permaneceu aberta de 1922, cando exercía a docencia na
Escola Normal de Segovia, obtivo unha bolsa da “Junta para
Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas” para viaxar
a Francia e Bélxica con obxecto de investigar sobre “ La historia
y su enseñanza”. Alumna, xunto coa súa irmá Paz, da compostelá
Concepción Saíz Otero, a ella dedicaron as dúas irmás unha
semblanza, “Recordando sus clases”, publicada na Revista de
Escuelas Normales, nº54 (1928). Tamén coa súa irmá
publicou Los Bordados populares en Segovia (Datos para el estudio
del arte popular español) en 1930. En Galicia hai constancia da
súa participación en actividades públicas, como a conferencia
pronunciada en Vigo en setembro de 1924 con motivo da Exposición de
Arte Galega, na Escola de Artes e Oficios. Disertou sobre a arte e o
seu desenvolvemento a través das civilizacions. Vencellada a
actividades políticas, concorreu ás eleccións a Cortes
constituíntes en 1931 pola circunscrición de Pontevedra en
representación do partido Repúblicano Vigués, integrado na Alianza
Republicana, con Basilio Álvarez, Isidoro Millán e Agustín Ríos,
entre outros. Aínda que as mulleres non podían votar, defendía un
programa feminista. Por motivo daquelas eleccións, participou como
oradora en diversos actos públicos: en Vigo falou sobre “A cultura
femenina e a organización do traballo da muller”. Tamén se
dirixiu no Ideal Cinema ás costureiras. En Segovia, onde seguiu
traballando na Escola Normal, mantívose vencellada á actividade
política e foi unha destacada dirixente de Izquierda Republicana.
Por esta militancia foi sancionada, despois do levantamento militar,
co embargo de bens e coa retención do diñeiro en metálico que tiña
coa súa irmá nunha conta corrente do Banco de España.